
María Roja
María Rodríguez Piñeiro, Lugo
Performance Vídeo Arte conceptual Pintura Otro Activismo artístico InstalaciónMaría Roja (Lugo, 1982) é artista visual, performer e actriz.
As súas inquedanzas artísticas xiran arredor do corpo como contedor do íntimo á vez que arquitectura social e política, cun marcado interese nos seus procesos de apropiación, incorporación e transmisión do coñecemento inmaterial, así como na súa potencia como elemento subversivo e de resistencia.
É Licenciada en Belas Artes cun Máster en Artes Escénicas pola UVigo e Titulada Superior en Arte Dramática pola ESADg. Completa a súa formación con estudos de danza e movemento.
Exhibiu o seu traballo en diferentes exposicións e festivais organizados en galerías, museos, teatros e espazos alternativos nacionais e internacionais. Co-fundadora dos colectivos de arte de acción áIntemperie, Ohn e Blanco&Roja, na actualidade forma parte do proxecto de experimentación multidisciplinar Corpo Colectivo Transfronteirizo Límites e do de videocreación expandida Bemtevi.
Rostro habitual das táboas e a ficción televisiva galegas, no campo da interpretación é salientable o seu labor en compañías de artes escénicas de linguaxe posdramática así como a súa participación en producións audiovisuais de feitura experimental. Foi galardoada con tres premios María Casares á Mellor actriz.
Actualmente compaxina o labor investigador no programa de doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea da Uvigo co traballo creativo nos eidos das artes visuais e escénicas.