Cineasta e investigadora con ampla experiencia na dirección de documentais e películas experimentais. É licenciada en Comunicación Audiovisual e posteriormente en Filosofía pola UEM en Madrid, residiu nesta cidade nove anos, onde co-fundou con Epojé Films, produtora coa que guionizou e dirixiu varios documentais dunha serie producida por TVE e Canal Historia, Paisajes de la historia (2004-2006). Ao tempo, dirixiu filmes con vocación artística nos que fixo o traballo de fotografía, montaxe e a propia produción. A súa obra Aadat (2004), en 16mm, unha historia do pobo saharaui narrada por unha muller, codirixida con Noé Rodríguez, recibiu o Premio Ciudad de Madrid ao mellor documental español no Festival DocumentaMadrid, e foi finalista en festivais coma Lepzig Documentary Film Festival, Ludwisgburg European Short Film Biennale ou Images Festival en Toronto.
Mudouse a Canadá en 2006 cunha bolsa de Postgrado da Fundación Caixa Galicia e realizou un MFA (MAster Fine Arts) sobre cinema en York University. A súa tese de licenciatura é unha longametraxe experimental autobiográfica, Anima urbis, supervisada polo cineasta Phil Hoffman. En York tamén imparte clases de Film Art como asistente do profesor John McCullough, e participa na comunidade de cineastas-artistas canadenses.
Volveu a España en 2010 e asentouse en Vigo. De volta a súa terra, dirixiu a serie investigación de trece documentais para a TVG As raíces da industria de Galicia (2012-2013), así como os documentais Camerún al norte (2012) e SOS Comuneiros de Cabral (2013). O seu filme Hyohakusha, codirixido con Anxela Caramés, foi premiado no Festival Cinemística de Granada en 2014 ou seleccionada en Montreal Underground Film Festival.
En 2015 obtivo a subvención de Talento Audiovisual Galego que outorga Agadic, así como o Premio ao Mellor Guión Galego no Festival Curtocircuito edición 2015, por Cruz Piñón (premio outorgado pola Asociación AGAC). Tamén en 2015 o MARCO de Vigo outorgoulle a bolsa de produción Artistas15, coa que fixo unha exposición individual no anexo do Marco de Vigo onde expuso o seu filme-tríptico “Interior, exterior, durante”. Remata o seu doutoramento en Arte Contemporánea na UVigo, co “cinema exposto” como tema de tese. Varias das súas películas foron comisariadas ou producidas por museos para exposicións, coma o Museo da Cidade da Cultura de Galicia, o Espazo de Arte Normal e o Museo Provincial de Lugo, Galería Atlántica da Coruña ou na Casa das Artes de Vigo.
Ten sido convidada a participar en ciclos de mulleres, mostras internacionáis, ou na filmoteca galega ou en cineclubs, así como impartiu conferencias en universidades. En 2016 o Concello de San Sadurniño elíxea para unha homenaxe como curtometraxista galega no III Certame polas Artes e a Igualdade. No 2017 programa un ciclo sobre “Cinema, etnografía e muller” para o MICE (Festival de Cinema Etnográfico Museo do Pobo Galego).
É a directora do proxecto Cinema e Muller, unha experiencia que sen dúbida mudou a súa maneira de estar, xa en comunidade, con boa parte das mulleres do cinema galego.

As cookies axúdannos a ofrecer os nosos servizos. Ao utilizar os nosos servizos, aceptas o uso de cookies.