actividades

A Colectiva en Intersección 2020: aposta formativa e premio á creación

28 de Outubro — 31 de Outubro de 2020

A Colectiva, por terceiro ano consecutivo participou en INTERSECCIÓN, Festival de Arte Audiovisual Contemporáneo, coa Mesa Colectiva, nesta edición resaltando e poñendo en valor modelos de xestión favorables no ámbito da arte contemporánea e o audiovisual; e cunha masterclass na AulaColectiva cunha panorámica por pezas videográficas con distintos formatos multimedia. Ademáis disto, inaugurouse o Premio A Colectiva dotado con 500 euros. Unha aposta forte para premiar a creación de arte audiovisual en Galicia.

A Colectiva en Intersección 2020: aposta formativa e premio á creación

A Colectiva consolidou a súa participación en INTERSECCIÓN, Festival de Arte Audiovisual Contemporáneo celebrado en A Coruña do 28 ao 31 de outubro deste ano 2020.

Por terceiro ano consecutivo participou coa Mesa Colectiva, nesta edición resaltando e poñendo en valor modelos de xestión favorables no ámbito da arte contemporánea e o audiovisual e cunha masterclass na AulaColectiva cunha panorámica por pezas videográficas con distintos formatos multimedia. Ademáis disto, inaugurouse o Premio A Colectiva dotado con 500 euros. Unha aposta forte para premiar a creación de arte audiovisual en Galicia.

INTERSECCIÓN, Festival de Arte Audiovisual Contemporáneo, focaliza a súa programación en obras creadas por artistas no cruzamento da arte contemporánea e o cine de vangarda, que manexan tanto códigos estéticos coma linguaxes e procesos de creación innovadores. Esta programación complétase con actividades de xeración e transferencia de coñecemento, de encontro e formación profesional, e de diálogo aberto cos diversos públicos, como obradoiros para adultos e nenos, masterclasses de artistas, mesas redondas, presentacións, conferencias, encontros co público, performances ou concertos.

MESA COLECTIVA
Modelos de Xestión en positivo

A Colectiva, Asociación Profesional de Artistas de Galicia, nace coa vontade de dar unha voz á comunidade contemporánea de artistas nados en Galicia ou que desenvolven a súa actividade neste territorio. Algúns dos nosos obxectivos son fortalecer o tecido profesional, analizar o sistema produtivo ou xerar coñecemento específico para o sector artístico e cultural. 

Na Mesa Colectiva desta edición tratouse de resaltar e poñer en valor modelos de xestión favorables no ámbito da arte contemporánea e o audiovisual, para coñecer modelos efectivos e prácticas recomendables que se poden exportar e adaptar ao noso contexto.

Participan os profesionais Mar Caldas, Irena Jelić, Ricardo Vieira e José Manuel Sande.

MASTERCLASS AULACOLECTIVA
DSK: Belén Montero e Juan Lesta

A AulaColectiva supuxo unha panorámica por pezas videográficas con distintos formatos multimedia cociñados desde a produtora Esferobite ao longo de dúas décadas por Juan Lesta e Belén Montero, e viceversa, onde puxeron especial énfase no proxecto multidisciplinar “codeco” na súa parte máis audiovisual; en “Iconoscopio”, videoblog colaborativo con autores e autoras de música, e noutro tipo de formatos de videocreación que hibridan coa videodanza, videopoesía ou o videoclip. Unha masterclass que veu a complementar a sección FOCO, unha retrospectiva pola súa traxectoria.

PREMIO A COLECTIVA DA SECCIÓN GALICIA
Palmarés

O Premio A Colectiva da sección Galicia foi otorgado á obra “Inside the Microtubule”, de Judith Adataberna.

“A habilidade e a sutileza na hibridación dos distintos formatos que combina a peza, pola mestura de documentos e grabacións reais e experimentais co formato documental. Por pulsar a sensibilidade do espectador dun xeito moi impactante ao enlazar a medicina co contexto actual. Por fluir con regularidade, de principio a fin. E por ser unha homenaxe ás mulleres de montaña. Un contexto difícil para a supervivencia, sobre todo no pasado.”

Mención especial do xurado de A Colectiva:
“Interregno”, de Fernando Gómez-Luna e César Souto Vilanova

Fonte principal e información sobre os eventos: http://interseccion.gal

As cookies axúdannos a ofrecer os nosos servizos. Ao utilizar os nosos servizos, aceptas o uso de cookies.